Seguimos reconectando… coa nosa historia en imaxes!

Para continuar, compartimos convosco historias de fotografías antigas que forman parte do noso patrimonio. No tramo final do curso pasado, o alumnado elaborou os relatos que acompañan as fotografías e que tamén poden verse na galería do arquivo de imaxes do IV Certame de fotografía convocado pola asociación cultural e pedagóxica Ponte nas ondas (deixámosvos ao final a ligazón). Mirade algunhas mostras:

Sofía Manín Rodríguez

Esta é unha fotografía do ano 1958.

Nela vese a moita xente reunida nunha merenda para celebrar as festas do Carme en San Martiño de Foz, unha aldea galega no norte da provincia de Lugo.

A xente levaba consigo unhas cestas de vimbio que utilizaban para levar a comida e, se cadraba, como cadeiras.

No centro do grupo, vense dúas nenas sentadas sobre unha manta.

A nena da esquerda é miña avoa, Pepita Chao Rodríguez, cando tiña cinco anos.

A outra nena é súa curmá, Teresa.

De pé, á esquerda, están meus bisavós, Josefa e José.

O resto do grupo son amigos e familiares.

Vense todos gozando do día e moi felices, aínda que todo fora moi humilde, porque para eles era practicamente o único día de festa do ano!

Breixo López Mon

Esta foto foi tomada no ano 1948 na parroquia de O Cadramón (O Valadouro), na festa de Santa Filomena na que as familias ían de merenda e xuntábanse no prado ao pé da capela románica de Santa Filomena a primeiros de xuño. Nesta foto está parte da miña familia paterna, desde os meus tataravós Pedro e María que están na fila de arriba – os primeiros pola esquerda- , tamén está a miña bisavoa Josefa -a sexta pola esquerda- e o meu bisavó Fernando, na fila de arriba- o segundo pola dereita-. A miña avoa Gloria tiña 3 anos cando se tomou a foto e é a nena que esta sentada no colo do seu padriño, está na fila de abaixo, a primeira pola dereita.

Era moi común que se fixesen fotos familiares nestas celebracións porque era cando se reunía a familia. Eran coñecidos como os do Porto do Río.

Candela Rodríguez Gandoy

Nesta fotografía, de 1964, aparecen meu tío Serafín e os seus compañeiros. O que se sitúa xusto na popa é Xosé Luís, á súa dereita está Pepe; máis abaixo está Xavier subido nunha escaleira; xusto debaixo da escaleira está Santiago mirando cara atrás; ao seu lado está Manolo e por enriba está meu tío Serafín.

Todos eles estaban aprendendo Carpintería de Ribeira, un oficio que se ocupa da construción artesanal de embarcacións en madeira.

O barco que estaban a facer, como se pode apreciar, non estaba rematado por fóra pero si polo seu interior. Xa tiña colocadas as cadernas, que son unha especie de táboas postas como se foran un esqueleto interno; a parte de arriba xa tiña colocado o cairel, que é a parte superior onde irían os remos; tamén estaba case posto o trancanil, que é unha serie de madeira que vai dende a popa cara á proa e, por último, o codaste, que é un pedazo de madeira grosa posto verticalmente sobre un extremo da quilla inmediato á popa e que serve de fundamento para toda a armazón.

Esta imaxe sitúase no estaleiro de “Santiago Pérez Mariño”, máis coñecido como “Santiago da Puebla” Foz (Lugo). O sitio antigamente era unha fábrica de peixe, pero esta queimouse e pasou a ser un lugar onde os carpinteiros de Ribeira facían embarcacións por encarga cun prezo e cor negociables. Actualmente isto é un espazo onde os piragüistas gardan as súas piraguas, preto dunha praia chamada “Porto Chico”.

Carlos Otero Seivane

Casa Meilán era unha antiga pousada situada na daquela rúa General Franco, hoxe rebautizada como Afonso VII, que servía de cafetaría, restaurante e aloxamento. A miña bisavoa (María) e a miña tía avoa (Milagros), ambas as dúas situadas á esquerda da imaxe, traballaron alí. Eran cociñeiras, aínda que tamén se ocupaban dos cuartos. Milagros dime que a foto é de 1961 máis ou menos. Traballou alí máis de dez anos.

A pousada tiña 9 cuartos que normalmente estaban ocupados por traballadores dos bancos Bilbao Vizcaya e Banco Pastor, que ían ás súas respectivas cidades as fins de semana.

Daquela en Mondoñedo había máis de 10.000 persoas inscritas, era unha cidade próspera.

Chegou a comer todo tipo de xente: camioneiros, traballadores da banca, profesores …

Tiñan un menú variado, pero o que tivo máis éxito foron os callos que se preparaban os sábados e domingos. A tarta de Mondoñedo que elaboraba dona Pura tamén foi moi popular.

Na pousada traballaban cinco mulleres e Milagros di que gañaba unhas 500 pesetas ao mes, un salario normal para ese tempo.

A pousada tiña clientes ilustres como Álvaro Cunqueiro, que ía comer alí con amigos, normalmente outros escritores e aos que lles encantaba a Tarta Reina.

Tamén acudía con frecuencia o xornalista e escritor Jorge Victor Sueiro pois, aínda que era coruñés, estaba casado cunha muller de Mondoñedo.

Casa Meilán foi un lugar de encontro. Nos 90 pechou as portas. Hoxe hai unha zapatería no seu lugar.

Claudia Maseda Cortiñas

Esta foto ilustra a voda dos meus avós: Antonio Maseda Seijo e Modesta Cortiñas Balseiro.

A imaxe foi tomada no ano 1959.

Naquela época ás vodas a xente ía vestida de negro. Antigamente as vodas facíanse na casa e só asistía a familia, pero esta foi feita nunha casa de comidas.

O matrimonio durou 12 anos e no momento da voda Antonio tiña 25 anos e Modesta 21.

Claudia Rodríguez Rivas

Esta fotografía foi sacada o 18 de outubro do 1955, e nela aparecen Ángel Rivas (meu avó) e Ramón Cabanela (veciño de toda a vida dos meus avós maternos) nunha atracción novidosa naquela época: “os coches de choque”, vese que están a recordar a súa mocidade. Ademais, ese mesmo día estábase celebrando unha das festas máis importantes e célebres de Mondoñedo: As San Lucas.

Cristina García Álvarez

Esta fotografía é do 24 de xullo de 1957 e foi tomada por un fotógrafo local durante as festas do Carme, as cales son moi populares na Mariña lucense e arredores. Nesta fotografía aparecen como protagonistas unhas mulleres entre as que se atopa miña avoa Dosinda -a primeira comezando pola esquerda- e a súa irmá, ademais das súas íntimas amigas. É unha imaxe especialmente graciosa xa que todas elas estaban a tomar un xeado, algo non frecuente naquela época mais nas festas do Carme todo podía suceder. Atópanse nunha eira do monte onde toda a xente sentada ou bailaba, gozando das festas posiblemente máis esperadas do ano para miña avoa (ademais do San Xoán). Un detalle que pode pasar desapercibido é que case todas as mulleres da fotografía teñen o mesmo peiteado, común na Galicia da época e que miña avoa segue a manter.

Irene Moinelo González

Esta foto está tomada nas escaleiras de acceso á vivenda da miña tía bisavoa Manuela, o día da Festa da Rasa, o San Roque, no ano 1951. Na imaxe aparecen a miña avoa Luli, que é a única nena que sae na instantánea, tiña sete anos. Preto dela, á esquerda, cun pano na cabeza está a súa nai, a miña bisavoa Juani. Todas as persoas que rodean a miña avoa son primas, primos e amigas. Unha das irmás da miña bisavoa, a tía Manuela, vivía xunto co seu home e a súa descendencia neste pobo.

A Rasa era un poboado que se construíu nos anos 40, coa finalidade de que os traballadores e as familias destes vivisen no lugar, mentres construíron o embalse de Santo Estevo. Está situado no Concello de Nogueira de Ramuín (Ourense). Agora o poboado segue existindo, pero a miña familia xa non vive nel; a tía Manuela e a súa prole mudáronse cando rematou a construción do embalse.

Laura López Cabana

Esta foto está sacada en Vilaronte no ano 1955 no baile da miña familia “O Baile de Benito”, alí bailaban e rían moito todos xuntos, pasábano xenial era un baile moi usado pola aldea aparte de ser baile era tamén bar tiña máis ou menos 180 metros cadrados de zona de baile e tamén había un palco para as orquestras que ían. Ían circos e compañías de teatro que andaba n polas aldeas meu avó dime que naqueles tempos era a diversión das aldeas actualmente ese baile non se usa e dáme moita pena vélo en mal estado e unha pena que estes edificios emblemáticos se deixen derrubar co paso do tempo. Na foto están na parte de arriba si vos fixades as varandas eran preciosas e aínda se conservan hoxe en día, e aparecen o meu avó que é o neno máis pequeno que estaba sentado na varanda agarrado polos brazos do meu bisavó en paz descanse e o neno de ao lado é meu tío avó irmán de meu avó, que está no colo da miña bisavoa en paz descanse chamada Teresa. Ao lado de miña bisavoa estaba María en paz descanse a irmá de miña bisavoa e tía de meu avó e do meu tío avó. Do outro lado o marido de María que é tío político de meu avó e meu tío avó as outras señoras non son da miña familia.

Sergio Rey Dopico

Cando a miña avoa me ensinou o álbum das fotos vellas, elixín esta sen dubidalo nadiña. Na foto aparecen uns señores moi solemnes, rodeados de rapaciños que teñen na man unas bandeiras de España. Ao fondo apréciase xente maior. Esta é a descrición que eu fixen da foto ao vela por primeira vez. Gustoume a súa cor, a súa composición, o seu aspecto antigo … aínda que, de primeiras, non coñecín a ninguén. Pero a foto tiña detrás moita historia…

Meus avós viven nunha aldea pequena, con poucos veciños e cunha estreita relación entre eles. Fai case tres cuartos de século, os veciños desta pequena aldea fixeron posible que se construíse un cemiterio. Querían repousar na aldea despois de faleceren sen ter que marchar a outro pobo. Coa colaboración das autoridades da Igrexa e dos veciños este desexo fíxose posible e ao remate da década dos cincuenta do século pasado (1958), o cemiterio comezou a construírse.

Na dereita da imaxe vense dous nenos, un duns nove anos que mira ao ceo e outro máis pequeno, son meu avó e seu irmán. No centro da imaxe aparecen tres autoridades eclesiásticas ás que os nenos do pobo dan a benvida con bandeiras incluídas. No centro da imaxe, ao fondo, está a miña bisavoa que, aínda que morreu sendo eu moi pequeño, recoñecín doutras fotos que miña nai me ensinara. Un anaco de historia e todo un tesouro .

Alba Cajoto Palmeiro

Nesta fotografía, feita no ano 1951, podemos ver a un grupo de nenos e adultos na procesión da Virxe do Carme onde participan o meu avó de dez anos e os seus amigos. Esta procesión da Virxe do Carme tivo lugar nas festas de Fazouro, que se celebran o 25 de agosto. El está situado no lado esquerdo da foto, preto dun neno pequeno con cara de enfadado.

Que importante é valorar este patrimonio, verdade? Grazas a tod@s e ás familias! 🙂

E aquí a ligazón á páxina de Ponte nas ondas onde se poden ver as imaxes presentadas á última edición do certame:
http://pontenasondas.org/iv-ce

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: