Remata setembro e aquí volvemos! 🙂
Para despedir o mes e antes de comezar a ver novos froitos das actividades propias do Equipo, compartimos o manifesto creado para a edición do Correlingua 2022 e aproveitamos para transmitir os nosos parabéns por un texto con moita mensaxe! É o resultado dos obradoiros ‘Desata a lingua’, impartidos por varias escritoras (María Lado, Ana Carreira, Tamara Andrés e Lucía Aldao) no que participaron alumnos e alumnas de diferentes centros (IES Da Pedra, IES A Pastoriza, IES Frei Martín Sarmiento, IES Nª Sª dos Ollos Grandes, IES de Brión, IES 12 de outubro, IES de Pontecaldelas e IES San Tomé de Freixeiro).
Nosoutros sumámonos. E ti? 😉
FÁLAME!
Míranos, aquí estamos, somos o futuro. Os soños que temos hoxe
construirán o mundo mañá. Pero hoxe falámosvos dende o presente,
queremos pedirvos que nos escoitedes e, sobre todo, que nos faledes. Por
que non me falas? FÁLAME!
O galego é unha lingua que transmite unha cultura, a lingua da que veñen
moitas das nosas familias, as palabras que fixeron medrar este lugar. Para
outras, é unha lingua nova, a dunha terra que se convirte na súa. Por que non
valoramos a lingua como facemos coas persoas, coa historia familiar, con
outros bens?
Amar e respectar unha lingua é tan importante como respectar a quen nos
rodea. Se temos tan preto o galego…por que non me falas? FÁLAME.
Familias, mestras e mestres, medios de comunicación, institucións…
Como vou falar se non me falas, ler se non me les, cantar se non me cantas?
FÁLAME!
Como imos apreciar algo que non nos axudades a coñecer? Comunícate
comigo e…FÁLAME!
Se tedes a obriga de coidar e facer medrar o galego… porque non o facedes?
Por que non me falas? FÁLAME!
Se tedes o compromiso de falarnos… por que non me falas? FÁLAME!
E, finalmente, a todas as persoas que compartides esta festa da lingua
queremos pedirvos tamén que nos faledes. Non teñades vergoña, as linguas
apréndense practicándoas. E saber falar diferentes linguas faite unha persoa
lista, atractiva, interesante, moderna, comprometida. O galego conéctanos
con cousas boas e fermosas, con xente talentosa e intelixente. Aproveita que
aínda podes… e FÁLAME!