Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos

23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro

#rdc_2023#cumpriuseaxustiza

Compartimos o Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2023. Tal como afirma Carme Adán, autora do Manifesto, “Rosalía ensínanos a mirar e a escoitar. É unha guía, por momentos unha amiga ou unha camarada, que nos acompaña entre poemas, novelas e ensaios para superar a banalidade ética do noso tempo. As súas palabras dan existencia a un mundo de inxustizas e opresións contra as mulleres, os pobres, a lingua galega ou os migrantes. O seu narrar é a escoita do noso mundo.

Escoitémola.

Premios da 19ª edición do Concurso de coplas de Entroido

Na 19ª edición do Concurso de coplas de Entroido que organizamos desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega volvemos atoparnos con moito enxeño por parte do alumnado que, botando man da retranca, fala sobre a actualidade. E vaia se fala!

Todo este talento tivo premio. O primeiro foi parar a Paz Moreda Gasalla e Carmen García Vázquez, alumnas de 1º BACH; o segundo premio foi para Helena Celada Villarmea, tamén de 1º BACH; un terceiro premio recibiuno Pablo García Martínez, de 1º ESO.

Desde o Equipo agradecemos a alta participación e vaian os nosos parabéns para o alumnado que resultou gañador. Aquí deixamos as súas coplas:

As coplas de Paz e Carmen recibiron o 1º premio do xurado do Concurso.
Helena gañou o 2º premio coas súas coplas
O 3º premio foi para Pablo, que ten toda a razón: “Este é o IES de Foz e aquí tamén hai Carnaval!”.

Premios do Concurso de recitado de poesía sobre poemas de Rosalía de Castro e Manuel María

Os premiados no Concurso de recitado de poesía sobre poemas de Rosalía de Castro e Manuel María son todos alumnos de 1º ESO.

O primeiro premio foi para Pablo García Martínez, que escolleu un poema de Manuel María. Hai, ademais, dous segundos premios: un para Martiño Álvarez Alonso e outro para Anxo Abad Oca.

Grazas por participar e parabéns polo voso recitado. Bravo!!

Xaneiro con Castelao

A principal homenaxe a Castelao neste xaneiro de 2023 por parte do Equipo de Dinamización Lingüística da Lingua Galega do IES de Foz concretouse en dúas accións: por unha banda, unha exposición sobre o artista total que foi, ubicada na entrada do Edificio A do centro, que pon a ollada en dedicatorias, indicacións para o lector, prólogos, limiares, ex libris…presentes na súa obra; por outra banda, para o noso “Relendo Castelao”, a lectura de dous relatos de Cousas nas voces de alumnado de 1ºESO (o que agradecemos a Pablo, Lois, Cristian, Antía, Naiara e Saínza), con montaxe e acompañamento musical seleccionado por Suso G. Cortázar.

Deixamos por aquí imaxes da exposición e ligazóns para os audios. Que vos presten! 😉

Castelao sempre!

As ligazóns para o “Relendo Castelao”:

Texto: “A condesiña”

Voces: Pablo, Lois e Cristian.

Música: O son do ar, de Luar na Lubre.

https://drive.google.com/file/d/17rd30emG2J_ubGbiA4wqBZijmu9VvcY8/view?usp=sharing

Texto: “Dona Sinforosa”

Voces: Antía, Naiara e Saínza.

Música: Penny Dreadful – Melting Waltz, de Abel Korzeniowski

https://drive.google.com/file/d/1o8s7uADssmw0k8WM2Tqz8d8S2zYnh3BP/view?usp=sharing

Hidronimia: fala a auga!

Flickr: Río Té. Rianxo. Augas bravas.jpg (baixo licenza Creative Commons)

Dentro da actividade fixa do Equipo “A nosa historia facémola nós”, o alumnado investigou desta volta sobre hidronimia: o nome dun río, rego, regato, quenlla… Encomendámoslles procurar información, principalmente dentro da veciñanza e na familia, sobre a orixe do nome, ubicación, usos antigos e actuais… E así, contando tamén co apoio doutras fontes, podemos escribir con texto e imaxes parte da historia do concello e aprender sobre o lugar que habitamos, ao ocupármonos das formas de auga doce.

Moitas grazas ao alumnado de 2ºESO pola súa implicación nesta iniciativa, dentro da materia de Lingua Galega, e a Mariña, que forma parte do Equipo e colaborou cunha investigación excelente!

A seguir, imaxes dalgúns traballos:

Fala a auga!

O magnífico traballo de investigación de Mariña

Aquí fala o rego do Roxo grazas a Xián

Clara traballou sobre o río Centiño e ilustrou con varias imaxes, algunhas antigas

Zaida preguntou sobre o Ouro e foi á Pena Ruxida na procura dunha imaxe

Sara investigou tamén sobre o río Ouro e fíxonos saber sobre a baixada en caiac (por certo, non incluímos completa a bibliografía)

Do rego Real, en Cangas, sabemos grazas a Isabel. Moi interesante!

E a agua é vital.

Postais para felicitar o ano novo

Tarxeta de Estela Pérez Suárez, alumna de 3º ESO, que recibiu o 1º premio no Concurso de postais para felicitar o ano novo 2023

A tarxeta de Estela Pérez Suárez que ilustra esta entrada foi a gañadora do Concurso de postais para felicitar o ano novo 2023, organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, en relación co tema promovido pola Biblioteca para o proxecto interdisciplinar do centro neste curso: a auga e a súa importancia nas nosas vidas e no planeta.

Deixámosvos aquí imaxes das postais que recibiron o segundo e o terceiro premio e da exposición ao completo.

Grazas a todos e todas por participar e ao profesorado pola súa colaboración.

Boas vacacións e feliz 2023!

A postal de Irene Fernández Martínez, de 3º ESO, obtivo o 2º premio

Portada da postal de Fernando A. León Cosme, alumno de 2º ESO, que recibiu o 3º premio

Interior da tarxeta de Fernando A. León Cosme

As postais premiadas na exposición do taboleiro do EDLG

Exposición das tarxetas presentadas ao concurso organizado polo EDLG

As leccións aprendidas…

Desta volta queremos compartir a adaptación radiofónica dunha escena teatral do texto As alumnas, de Paula Carballeira, unha gravación coas voces de alumnado do equipo (grazas a Mariña, Sofía, Xabi e Sofía!) e a achega musical de Suso C. (La Bejarana, do mestre F.Alonso y Serrano, e Gnossiennes, de Erik Satie).

Leccións aprendidas…ou non. Convidamos á reflexión. Escoitade:

https://drive.google.com/file/d/1z3anAGTPk__24FYITVyudHNHJugEZ0D6/view?usp=sharing

Concurso de tarxetas para felicitar o ano novo 2023

A piques de que a maioría dos escaparates, a publicidade… orienten a mensaxe á chegada do vindeiro Nadal, novembro e algo máis por medio, nós propoñemos de novo un concurso de tarxetas para felicitar o 2023. Velaí a ligazón:

https://drive.google.com/file/d/1qGotImTYuysYtuo4vCjxp9mkKbAx3EqV/view?usp=sharing

Volvemos e sumámonos: Fálame! ;)

Remata setembro e aquí volvemos! 🙂

Para despedir o mes e antes de comezar a ver novos froitos das actividades propias do Equipo, compartimos o manifesto creado para a edición do Correlingua 2022 e aproveitamos para transmitir os nosos parabéns por un texto con moita mensaxe! É o resultado dos obradoiros ‘Desata a lingua’, impartidos por varias escritoras (María Lado, Ana Carreira, Tamara Andrés e Lucía Aldao) no que participaron alumnos e alumnas de diferentes centros (IES Da Pedra, IES A Pastoriza, IES Frei Martín Sarmiento, IES Nª Sª dos Ollos Grandes, IES de Brión, IES 12 de outubro, IES de Pontecaldelas e IES San Tomé de Freixeiro).

Nosoutros sumámonos. E ti? 😉

FÁLAME!

Míranos, aquí estamos, somos o futuro. Os soños que temos hoxe
construirán o mundo mañá. Pero hoxe falámosvos dende o presente,
queremos pedirvos que nos escoitedes e, sobre todo, que nos faledes. Por
que non me falas? FÁLAME!
O galego é unha lingua que transmite unha cultura, a lingua da que veñen
moitas das nosas familias, as palabras que fixeron medrar este lugar. Para
outras, é unha lingua nova, a dunha terra que se convirte na súa. Por que non
valoramos a lingua como facemos coas persoas, coa historia familiar, con
outros bens?
Amar e respectar unha lingua é tan importante como respectar a quen nos
rodea. Se temos tan preto o galego…por que non me falas? FÁLAME.
Familias, mestras e mestres, medios de comunicación, institucións…
Como vou falar se non me falas, ler se non me les, cantar se non me cantas?
FÁLAME!
Como imos apreciar algo que non nos axudades a coñecer? Comunícate
comigo e…FÁLAME!
Se tedes a obriga de coidar e facer medrar o galego… porque non o facedes?
Por que non me falas? FÁLAME!
Se tedes o compromiso de falarnos… por que non me falas? FÁLAME!
E, finalmente, a todas as persoas que compartides esta festa da lingua
queremos pedirvos tamén que nos faledes. Non teñades vergoña, as linguas
apréndense practicándoas. E saber falar diferentes linguas faite unha persoa
lista, atractiva, interesante, moderna, comprometida. O galego conéctanos
con cousas boas e fermosas, con xente talentosa e intelixente. Aproveita que
aínda podes… e FÁLAME!