Velaí as coplas de Entroido!!

Chegan a tempo e con moi bo humor, para adozarmos un pouco este noso Entroido de 2021.

Grazas a todo o alumnado que participou no Concurso, resultase premiado ou non, e ao profesorado que animou desde as aulas e moitos parabéns a Mariña, Bruno, Martina, María, Kilian, Melani, Silvia, Lisy e Laura pola creatividade e o seu bo facer armando coplas, valores recoñecidos polo xurado desta edición.

Porque… si, aquí hai Carnaval!!

As coplas de Mariña recibiron o 1º Premio do Concurso
Bruno recibiu o 2º Premio do Concurso
O xurado concedeu un accésit a Martina, María, Kilian, Melani e Silvia
Outro accésit recibírono Lisy e Laura

Enfiada de contos en homenaxe a Castelao

Miramos cada xaneiro, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, un xeito de render tributo a Castelao. De entre as múltiples facetas do escritor rianxeiro -caricaturista, pintor, etnógrafo, novelista, político, doutor, dramaturgo, ensaísta, investigador, orador…- paramos desta volta no autor de contos e relatos breves.

Compartimos convosco unha enfiada de contos coloridos, nacidos do maxín do alumnado neste xaneiro, e convidámosvos tamén con eles a volver á lectura de Cousas e Retrincos. Nós volvemos, sempre! 😉

Queremos unha canle “Xabarín”!!

Imaxe da campaña de recollida de sinaturas da Mesa pola Normalización Lingüística

O alumnado do IES de Foz tamén se suma ás voces que reclaman urxentemente unha canle televisiva infantil e xuvenil con contidos de calidade e en lingua galega, iniciativa da MNL, e así o expresa mediante cartas dirixidas aos nosos gobernantes coma algunhas que reproducimos aquí. Entón…que? Hai alguén aí?

Postais para felicitar un ano 2021 con saúde!

Antes de marcharmos repoñer un pouco de enerxía, compartimos aquí unha selección das postais coas que participou o alumnado no concurso convocado polo EDLG.

Postal de Andrea Rivas Cardo (1º Premio)

Parabéns a tod@s, bravo polo talento e que se cumpran os vosos desexos!! 🙂

https://drive.google.com/file/d/1jayoeMXO3LBshM-GLSfS5Svn-4d_-3kF/view?usp=sharing

A nosa historia facémola nós en Foz…coa onomástica!

A nosa historia facémola nós, actividade anual do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Foz, chegou neste curso á sexta edición. Nesta ocasión escribimos unha páxina relacionada coa onomástica, con explicacións sobre microtopónimos e nomes de comercios en lingua galega.

Deixámosvos aquí unha selección dalgúns dos traballos presentados por alumnado de 1º ESO e 2º ESO. Vaia por diante o noso agradecemento, coma sempre, polo seu bo facer e tamén a familias e veciños por colaboraren.

Animádesvos a aprender sobre a paisaxe lingüística de Foz? 😉

https://www.yumpu.com/es/embed/view/BE4KYCPMVby3nLW1

Novo premio de podcast Xosé Mosquera para alumnado do IES de Foz!

O 1º Premio de Podcast da 2º edición dos premios Xosé Mosquera, O vello cos contos, recaeu de novo nun grupo de alumnas e alumnos do IES de Foz. Andrea Rodríguez, Bruno Rodríguez, Betty Martínez, Carlos Iglesias, Miguel Río, Francisco Sánchez e Héctor Portela presentaron ao concurso un podcast baseado nun conto tradicional galego, a lenda da Casa da Moura, modificado mediante a inserción de refráns.

Na edición engadiuse o tema musical de Kevin MacLeod, Pippin the Hunchback (con licenza creativecommons).

A gravación levouse a cabo durante o curso pasado, no contexto do club de lectura do IES de Foz. O confinamiento impediu que outro grupo do club ( Helen Aragón, Xoel Díaz, Jacobo Gayoso, Nerea Fernández, Hussam El Khiari) finalizara a gravación do seu podcast e puidera optar tamén a este premio. Compartiremos a recompensa con todos eles.

Con Suso están Andrea, Bruno, Betty, Carlos, Miguel, Francisco e Héctor.

Aquí vos deixamos a ligazón para que escoitedes o podcast premiado 😉

https://drive.google.com/file/d/1Zs_4-1CnHjS4mnn3jmZnLD5hYq1jlJUX/view?usp=sharing

Texto do podcast:

Era un pobre que ía á mañá cedo para a feira do 12, e ó pasar pola Casa da Moura saíulle un mouro e preguntoulle:

– E logo para onde vai?

– Voulle para a feira mercar uns porquiños.

(Un porco é unha botica)

– E ten moito diñeiro para os mercar?

– Ai, señor, eu diñeiro téñolle pouquiño.

(Labrador sen horta, fame á porta)

– Ben, pois vas á feira e mercas dous porcos dos mellores que haxa, e esperádesme alí ti e mais os que chos venden. E despois vou eu e págollelos.

(Para ruín feira, corda baleira)

E pasou todo segundo dixera, e o mouro quedouse cun porco e o home con outro. E entón o mouro díxolle ó home:

– Mira, todas as mañás cedo tráeme aquí medio neto de leite. Ti non chames por ninguén. Déixamo neste sitio sinalado que xa terás nel un peso todos os días. E así segues sempre. E ten tino de non dicir nada a ninguén, que estas cousas non se poden dicir.

E por moito tempo o home levou o leite e colleu os cartos. Mais a súa muller sempre lle andaba dicindo:

– De onde che veñen os cartos? Porque antes non tiñamos case ningúns e agora temos moitos. Ti tes que ter unha amiga que chos dá.

E o home contestáballe:

– Non, muller, non. Ti come e bebe e a min déixame, que eu non teño amiga ningunha.

E ela volvía porfiar:

-Pois ti tesmo que dicir, que dalgún lado che veñen.

(Ó que moito queira saber, dáselle o cu a lamber)

E tanto porfiou e tanto fixo que rematou por llo dicir.

(Muller que sabe latín non serve para min)

Veu para o outro día á mañá, e o home foi co leite, mais ó chegar ó sitio sinalado, en vez dos cartos atopou un corno cun letreiro que dicía:

Falaches, corneaches.

CONCURSO DE MICRORRELATOS “A SAÚDE”

Boas a todxs!
Traemos novas para vós e, como non, en galego. Os colaboradores da biblioteca de 2º ESO andan a maquinar nun novo concurso de microrrelatos, no que a temática será a saúde (moi apropiado tendo en conta o ano que levamos). Haberá tres categorías e premios para os gañadores. Rápido, queda menos dun mes para que remate a convocatoria! Se sodes deses que vos gusta andar a teclear no ordenador un bo pedazo entrade no blog da biblioteca (https://chavedasnoces.blogspot.com/) para ter toda a información necesaria á hora de redactar o texto.
E ata aquí chega a entrada de hoxe. Animádevos a participar e sorte a todxs!

Estamos de volta!!

Imos compartir aquí as actividades de dinamización da lingua galega que poidamos realizar ao longo do curso, así como outros contidos de interese sobre ciencia, cultura…Sempre en galego, xaora!

E, como andamos ás portas do Samaín, comezamos cunha suxerencia de banda deseñada que envellece ben. Para enredar e rir a cachón…ou non…

Será certo que “unha noite así engruñe a alma de todo ser vivinte”?

Animádesvos a descubrilo? 😉

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos