2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

E así, dentro dun estado de alarma co que tamén estamos a escribir a historia, chegamos xa ao 2 de abril, data na que se celebra o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Compartimos convosco o cartel conmemorativo que editou a IBBY (International Board on Books for young people). A ilustración é da debuxante Noemí Villamuza e a mensaxe, que podedes ler en galego e nas outras tres linguas oficiais do Estado, é obra do escritor Eliacer Cansino.

Animámosvos a ler, sempre. Coas velas despregadas, seguimos navegando!!

https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/files/tripticoA5.pdf

20 de marzo, Día da Narración Oral

No Calendario do Libro e da Lectura o 20 de marzo é un día sinalado, celébrase nada menos que o Día Mundial da Narración Oral! E que podiamos facer desde o Equipo de Dinamización, dentro dunha situación tan excepcional como a que estamos a vivir? Ocorréusenos implicar o alumnado de 1º e 2º ESO na celebración e compartimos con el un relato de Séchu Sende,“A agulla de marear”, ao que lle puxemos voz e que aquí vos deixamos 😉

https://drive.google.com/open?id=1Y-v7SYp4TDZlnyUKGhxspZEGAL4r9xse

Por certo, non esquezades que hoxe é o Día Mundial da Poesía, para o que a ONU escolleu neste 2020 o lema “Poesía, expresión lingüística da nosa humanidade común”.

Moito ánimo e lede, contade, recitade… creade!

24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro

O alumnado de 1º e 2º ESO nas clases de Lingua Galega sumouse á celebración do Día de Rosalía a partir da reflexión sobre unha pregunta: que estrañarían de seren errantes polo mundo? A iniciativa, que naceu do lema escollido este ano pola AELG, “Errantes polo mundo”, mostra un amplo abano de emocións e sentimentos, lugares, palabras, sabores… e moita creatividade!! 🙂

Marchando unhas coplas de Entroido!

Chegamos neste curso á 16ª edición do Concurso de Coplas de Entroido convocado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega. E sabedes que? Por segundo ano consecutivo armou as coplas premiadas Bruno Rodríguez Docobo, desta volta a ritmo de “A bamba”.

Que artista!!

Aquí volas deixamos:

O Entroido está a chegar

Profesores, profesoras!

Compañeiros, compañeiras!

Animade xa esa cara

chegan os tempos de lerias.

Chegan os tempos de lerias,

o Entroido está a chegar.

Xa estamos en febreiro,

que ben o imos pasar.

Dende o Carnaval pasado

moitas cousas en Foz cambiaron,

Castiñeira xa marchou

e a Cajoto nomearon.

A Cajoto nomearon,

non se pode pedir máis.

O primeiro que el fixo

foi cambiar todos os sinais.

Onde antes se baixaba,

agora tempos que subir.

Rúa abaixo, rúa arriba

non sabemos por onde ir!

Comezamos no Instituto,

cun concurso sen igual,

este ano de película

un “Óscar” imos levar.

Uns cantan, outros bailan,

outros teñen que actuar,

seguindo as coreografías,

canto imos desfrutar!

E despois de tanta festa,

a fame vainos entrar,

a ver se os de Hostalería

nos preparan o xantar!

Roscas, filloas, orellas,

un cocido non vai mal!

Todos xuntos comeremos

festexando o Carnaval!

BRUNO RODRÍGUEZ DOCOBO

Premiad@s no 2º Concurso de recitado

O 2º Concurso de recitado sobre poemas de Rosalía de Castro e Manuel María coñeceu os seus gañadores o día 14 de febreiro. De novo, o alumnado demostrou a súa capacidade para emocionar cos versos de dous grandes da literatura galega. O xurado, formado por Jesús A.García Cortázar, M.José Mon López e Pilar Cordeiro, non o tivo doado á hora de valorar.

O primeiro premio recibiuno Bruno Rodríguez Docobo, recitando a Manuel María.

O segundo premio foi para Sofía Manín Rodríguez, que recitou un poema do libro Os soños na gaiola.

O terceiro premio levouno Alba Martínez Peña, que puxo voz a versos de Rosalía.

Parabéns aos tres!!

Bruno e Sofía, ademais, clasifícanse para representar o IES de Foz na fase final do concurso. Desexámoslles boa sorte e que gocen da experiencia!

Xaneiro con Castelao

A tradicional homenaxe a Castelao no mes de xaneiro por parte Equipo de Dinamización da Lingua Galega consistiu desta volta nunha exposición de imaxes da súa obra pictórica, aquela relacionada coa natureza, xunto co texto “A carón da natureza”, do libro Cousas. A decisión non foi casual, senón que obedece á importancia desta temática na obra de Castelao, tamén na súa faceta como pintor, e á colaboración coa Biblioteca, que escolleu o medio ambiente como tema para o vixente curso escolar.

As imaxes da exposición, que se instalou no vestíbulo do Edificio A para darlle maior visibilidade, foron tomadas da obra Castelao pintor, publicada na colección Biblioteca Castelao da editorial Galaxia.

Por outra banda, ao longo da última semana de xaneiro, varias estampas de Castelao dedicadas aos nenos servíronlle de inspiración ao alumnado de 1ºESO e 2ºESO para elaborar nas aulas relatos a partir delas. Estes traballos individuais da avaliación na materia de Lingua Galega son mostra de imaxinación e de creatividade.

Concurso de postais

Nesta edición do concurso de postais para felicitar o ano novo, con mensaxe sobre o medio ambiente, levaron premio:

Lucas Gorgojo Cuba (1º premio)

Andrea Fernández Varela (2º premio)

Ainhara Campo Rancaño (3º premio)

E recibiron mención especial do xurado:

Cristina García e Pablo Incera

Parabéns e moitas grazas a tod@s pola vosa participación!

Exposición das postais no Edificio A
Lucas Gorgojo Cuba (1º premio)
Andrea Fernández Varela (2º premio)
Ainhara Campo Rancaño (3º premio)
Pablo Incera (mención especial)
Cristina García (mención especial)

O EDLG co medio ambiente

O Equipo da Biblioteca do IES de Foz propuxo para este curso 2019-20 traballar sobre o medio ambiente. Desde o EDLG sumámonos á iniciativa e, dentro da nosa colaboración, iremos publicando contidos en lingua galega relacionados coa temática. Estade atent@s e xa veredes que argallamos para o remate do curso 😉

Botádelle unha ollada a este documento audiovisual, emitido pola TVG no Contraportada do 11/01/2020, sobre a repercusión do cambio climático en Galicia. http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-galicia-do-cambio-climatico-4262402

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos