A tradicional homenaxe a Castelao no mes de xaneiro por parte Equipo de Dinamización da Lingua Galega consistiu desta volta nunha exposición de imaxes da súa obra pictórica, aquela relacionada coa natureza, xunto co texto “A carón da natureza”, do libro Cousas. A decisión non foi casual, senón que obedece á importancia desta temática na obra de Castelao, tamén na súa faceta como pintor, e á colaboración coa Biblioteca, que escolleu o medio ambiente como tema para o vixente curso escolar.


As imaxes da exposición, que se instalou no vestíbulo do Edificio A para darlle maior visibilidade, foron tomadas da obra Castelao pintor, publicada na colección Biblioteca Castelao da editorial Galaxia.
Por outra banda, ao longo da última semana de xaneiro, varias estampas de Castelao dedicadas aos nenos servíronlle de inspiración ao alumnado de 1ºESO e 2ºESO para elaborar nas aulas relatos a partir delas. Estes traballos individuais da avaliación na materia de Lingua Galega son mostra de imaxinación e de creatividade.