As nosas imaxes do patrimonio volven a participar no Certame convocado por Ponte…nas ondas! que vai pola súa oitava edición

Varios traballos realizados no segundo trimestre para a materia de Lingua galega de 1º ESO, que veñen nutrindo anualmente a actividade do Equipo “A nosa historia facémola nós”, participan no 8º Certame de recolla das imaxes do patrimonio inmaterial galego-portugués convocado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!

Mara, Lía, Martín, Anxo, Eva R., Olaya, Ainara, Irene, Jesús, Breogán, Afaf, Eva F., Paula C. e Carmen representan o IES de Foz coas súas imaxes familiares anteriores a 1970 acompañadas dos correspondentes relatos. Cómpre agardar a setembro para podermos coñecer os resultados do Certame. Ata daquela, moi bo verán!

Premios do V Concurso escolar de tradución “Xela Arias”

Ansemil, Suso e Rocío co alumnado premiado no concurso: Lucía (accésit pola súa tradución castelán-galego), Susana e Nuria (1ºpremio ex aequo na categoría grego-galego), Ethan (1º premio na categoría inglés-galego) e Olalla (1º premio na categoría castelán-galego).

Os premios do V Concurso escolar de tradución “Xela Arias” ás mellores traducións ao galego, convocado polo Equipo de Dinamización da Lingua galega, foron entregados esta mañá por Ansemil, Suso G. Cortázar e Rocío na Biblioteca.

Agradecemos toda a participación do alumnado así como a implicación do profesorado que nos axudou durante o proceso ou actuando como xurado.

E, xaora, moitos parabéns ao alumnado que obtivo premio: Ethan, Susana, Nuria, Olalla e Lucía!

O traballo do IES de Foz “Lanchiña que vas en vela” recibe premio no VIII certame escolar de podcast Xosé Mosquera “O vello dos contos”

Deseño de Castelao no relato “Unha rúa nun porto lonxano”, recollido en Cousas.

Lanchiña que vas en vela é a dramatización do relato de Castelao “Unha rúa nun porto lonxano” recollido en Cousas. O texto inclúe unha das pezas preferidas por Castelao, a Foliada de Negreira, que o propio autor interpretaba na Coral Polifónica de Pontevedra na década de 1920, na corda dos baixos. Lanchiña que vas en vela é unha pequena homenaxe á música tradicional a cargo dunhas pícaras cantareiras de 4º ESO acompañadas á guitarra polo profesor Ansemil.

Os efectos sonoros están libres de dereitos de autor (son dun porto, son de xente, pianola) ou interpretados polas pícaras autoras do podcast (Lanchiña que vas en vela, guitarra).

O alumnado do Equipo de Dinamización que puxo as voces (Clara, Aroa, Aldara, Gala, Lucas e María) e o profesorado que colaborou no traballo, en especial Ansemil e Suso G. Cortázar, compartimos a satisfacción do recoñecemento a nivel galego, na categoría de secundaria, ao recibir o premio no VIII certame escolar de podcast Xosé Mosquera “O vello dos contos. Deixámosvos por acó a ligazón para que o poidades escoitar. E vaivos prestar 😉

https://drive.google.com/file/d/1tai_vHNFUUErLGV0yQaumbBsm4NkHgqd/view?usp=sharing

Correlingua 2025 en Mondoñedo:”A mocidade activa por unha lingua viva!”

Este 20 de maio as rúas de Mondoñedo volveron acoller, nun ambiente festivo e cun tempo excepcionalmente bo, as voces e música desa mocidade activa da Mariña á que o lema da edición do Correlingua 2025 fai alusión.

A Mondoñedo desprazouse alumnado de 1º ESO e da Aula Específica, co entusiasmo que precede cada festa final do Correlingua e cunha lona creada a partir do Manifesto, un traballo colectivo do que sentírense orgullos@s.

Desde o Equipo queremos agradecer toda a implicación na actividade, por suposto ao equipo directivo e alumnado, pero non menos ao profesorado e coidadoras que acompañaron: Xabi, Lucía, María, Pepucha e Gema.

A estatua de Cunqueiro presidiu unha primavera máis para o galego. A mocidade está activa. Fagamos que a nosa lingua siga viva!!!

Maio e as Letras Galegas

Como cada ano polo mes de maio, chegou ao IES a exposición de carteis das Letras Galegas que resultou gañadora no concurso organizado pola Xunta. Os dez carteis do IES Castelao (Vigo) Canta que cadramos ben están expostos no vestíbulo do edificio A, o que agradecemos desde o Equipo á nosa compañeira Rocío Dourado.

E para celebrar e homenaxear as cantareiras, pero tamén coñecer máis sobre o seu inmenso valor patrimonial e a importancia da transmisión oral, foi un pracer e un auténtico luxo a actuación da Asociación Folclórica e Cultural A Subela o día 15 no salón de actos, ante o alumnado de 2º ESO. Aquí vos queda unha ligazón dun momento que amosa o seu bo facer :

https://drive.google.com/file/d/1d3LS3j-c31t1535avXyZf4KYyn3Ng-Vt/view?usp=drive_link

Celebración do V Concurso escolar de tradución “Xela Arias”

Co entusiasmo de cada edición, na véspera do Día das Letras Galegas, celebramos en colaboración coa Biblioteca a quinta edición do V Concurso escolar de tradución “Xela Arias”, no que houbo participación de alumnado de 1º BACH, 4º ESO e tamén 3º ESO.

Agora cómpre agardar pola revisión das traducións para coñecer cales son, de acordo coas bases do concurso, as mellores traducións ao galego de textos clásicos da literatura en inglés, francés, grego…

Deixamos por acó algunhas imaxes que recollen a seriedade e concentración coa que encara este reto o noso alumnado. Valentes! 😉

En abril, cancións galegas para un emotivo reencontro

Alumnado de 2º ESO escolleu cancións populares galegas como “Ven bailar, Carmiña” e “A saia da Carolina” para un emotivo reencontro con usuarios e usuarias da Residencia e Centro de Día de Foz e compartir, ademais de saúdos e conversas, un tempo de cancións, música e mesmo baile, traendo á memoria dos maiores outras letras como “A Rianxeira” ou “Vivir na Coruña”.

O cantado e o vivido na visita é o que conta, aínda que agardamos tamén a que o alumnado cree, a partir desta grata experiencia, un dos produtos finais na súa materia de Proxecto competencial.

Grazas a Daniel e Carmela pola música do acordeón e a gaita, ao persoal da Residencia polo bo trato e ao equipo directivo do instituto polo apoio a esta iniciativa da que compartimos por acó unha imaxe

Entrega de premios de dous concursos: “Rosalía sempre viva” e coplas de Entroido

Non era sen tempo… Finalmente fixemos entrega dos vales e agasallos doces a quen resultou con premio no Concurso de recitado de poesía “Rosalía sempre viva” e no Concurso de coplas de Entroido. Xa comunicamos por acó o fallo dos respectivos xurados. Daquela, poñémoslles cara con imaxes do momento en que recibiron o premio.

A Pablo, que fixo un pleno, desde o EDLG desexámoslle unha boa experiencia este sábado representando ao centro na fase final do concurso de recitado en Outeiro de Rei.

A tod@s, parabéns!!

Aí van por fin as coplas premiadas…

Tardaron máis do debido e do desexable en facérense públicas, pero aquí están as coplas que resultaron premiadas no Concurso de Coplas de Entroido, que xa vai nada menos que pola súa vixésimo primeira edición!

Parabéns a tod@s @s premiados, grazas por toda a participación, que ninguén se ofenda e que vos presten! Velaí:

Para o primeiro premio, un “Resumo do ano”, de Pablo (3ºESO) xunto coas “Coplas Carnaval” de Ainara e Olaya (1ºESO).

Para o segundo premio, “Todas son manías?”, que argallaron Amina, Leo, Ainara, Iago, Alejandra e Rania (2ºESO), xunto coas que comezan “As súas clases son un chiste”, de Irene, Lía e Mara (1ºESO).

Aló foi o Entroido… 😉

“Rosalía sempre viva”, en febreiro, co recitado dos seus versos

Este pasado día 12, co 6º Concurso de recitado “Rosalía sempre viva”, escoitamos unha vez máis en febreiro versos de Rosalía de Castro. Na voz de Pablo García Martínez soaron tan ben, unha auténtica delicia, que o xurado acordou por unanimidade concederlle o primeiro premio do certame. Breixo Sixto Chao, que tamén escolleu versos da autora para recitar, quedou en segunda posición.

Grazas pola participación e á compañeira de Economía, Marisa, quen colaborou co Equipo no labor de valoración.

E toda a boa sorte para Pablo, que volverá a representar o centro na fase final do concurso en Outeiro de Rei no mes de marzo.

En febreiro, sempre con Rosalía!!

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos